- Nesta edición especial, que coincide co 25ª aniversario da party, os participantes na súa Intranet dispoñen dunha conexión de 40 Gbps e dun programa con máis de 70 propostas
- Esta mañá levouse a cabo a tradicional conta atrás coa que o evento comeza oficialmente, na cal participou o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán
- O evento, que terá lugar ata o domingo na Feira Internacional de Galicia ABANCA, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e coa tecnolóxica galega Intermax Technology como sponsor oficial, ademais de incorporar nesta cita un patrocinio do provedor tamén galego Raiola Networks
Silleda, 10 de outubro de 2025.- A maior lanparty galega xa celebra a súa edición especial centrada en intelixencia artificial, a XGN Intermax AI Edition, a cal terá lugar ata o domingo á primeira hora da tarde no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.
A tradicional conta atrás do evento deu comezo esta mañá a este 25º aniversario coa participación do director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán. Así, púxose en marcha oficialmente unha cita que conta con 863 rexistrado na súa Intranet, os cales xa desfrutan e comparten os seus intereses sobre novas tecnoloxías e lecer electrónico con outros afeccionados e profesionais, ademais de formarse e tamén competir en diversas áreas.
Cun posto para o seu equipo informático e dereito a acampar no interior do pavillón, todos eles teñen a posibilidade de navegar, grazas a Intermax Technology, a unha velocidade de ata 40 Gbps. Ademais, conta cun amplo programa conformado por setenta propostas, algunhas exclusivas e outra nas que poden participar tanto eles como os visitantes que acudan hoxe e mañá á zona de acceso libre da party, a Extranet.
En canto a estas propostas, arrincaron hoxe con máis de trinta competicións centradas en arte dixital, videoxogos, modding (modificación de equipos), setups (personalización creativa do espazo individual dos participantes na party), programación de robots e CTF, onde os participantes deben demostrar as súas habilidades en ciberseguridade.
Ademais, na área de hardware xa está en marcha unha zona de impresoras 3D con granxa destas máquinas ou o espazo Maisprinter, pensado para que apaixonados deste ámbito compartan coñecementos, experimenten e poñan a punto as impresoras. Tamén nesta área deu comezo xa un obradoiro centrado en modding, que durante hoxe e mañá incluirá sesións de iniciación e preparación da torre do equipo, material de baixo custo, pintura e técnicas de acabado, e, finalmente, montaxe de hardware e refrixeración líquida.
Conferencias, obradoiros e zonas de xogos na Extranet
En canto á Extranet, zona de acceso libre, comezan esta tarde os talleres tecnolóxicos centrados na construción desde cero dunha radio FM funcional, en como hackear dispositivos electrónicos e en hacking ético. Tamén as conferencias, que hoxe son tres con gran interese.
Así, José Ramón Mosteiro, de Netex Learning, falará sobre “Gamificación a través da IA para a formación” e Raúl Ordoñez “Jaspeante”, formador e divulgador de referencia en intelixencia artificial, farao sobre “Intelixencia artificial: o teu novo superpoder”. Unha sesión na que os asistentes descubrirán como integrar esta tecnoloxía na súa vida para pensar, crear e traballar de formas que antes parecían imposibles. Por último, o youtuber Toro Tocho Reviews, nome baixo o que está Christian Sanz, explicará como “Espremer o teu pc ao 100%, optimización de CPU e GPU para gaming, creación de contidos e IA”, charla para aprender a optimizar o rendemento dun pc sacándolle o máximo partido tanto para gaming competitivo como para creación de contido.
Ademais, xa están en funcionamento dende esta mañá as distintas áreas de videoconsolas, lentes de realidade virtual, simuladores, futbolín, ping pong, xadrez ou pistas deportivas.
Unha programación que conxuga formación e entretemento nunha edición especial que conta de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto o ano pasado e conta cun stand expositivo nesta cita, os participantes poderán navegar por segunda vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technology no evento. Ademais, nesta edición o provedor galego de aloxamento, servidores e infraestrutura Raiola Netwoks súmase ao evento cun sponsor, mentres que o Clúster TIC Galicia patrocina o programa de conferencias.

